Asistente de Comunicación e Creación de Contidos
ARTEIXO,
España
Prazo de candidaturas: Ata o 10 de setembro de 2026
Entidade: Asociación das Empresas de Arteixo
Localización: Arteixo (A Coruña)
Contrato: Temporal de 9 meses, con vontade de consolidación do posto
Xornada: Completa segundo o Convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia da Coruña
Grupo de cotización: 5
Incorporación: Segunda quincena de setembro de 2026
Quen somos
A Asociación das Empresas de Arteixo é a entidade que agrupa e representa o tecido empresarial do concello de Arteixo: comercio, hostalaría, servizos e industria.
Traballamos para dinamizar a economía local, prestar servizos ás empresas asociadas e impulsar proxectos de desenvolvemento empresarial e territorial, no marco da nosa Estratexia 2026-2030.
O posto
Buscamos unha persoa nova para incorporarse ao equipo da Asociación como Asistente de Comunicación e Creación de Contidos. (CNO 2651 - Profesionales de la publicidad y la comercialización)
A súa misión será colaborar na posta en marcha da estratexia de comunicación da entidade, contribuír a mellorala e transformar as actividades, proxectos e historias das empresas de Arteixo en contidos atractivos, próximos e adaptados a diferentes públicos e formatos.
É un posto moi práctico e variado, no que se combinan a creatividade, a redacción, o deseño, a fotografía, o vídeo, a comunicación dixital e o contacto directo coas empresas asociadas.
Que farás
Colaborar na aplicación, seguimento e mellora da estratexia de comunicación da Asociación.
Planificar e crear contidos para redes sociais, adaptando as mensaxes, o ton e os formatos a cada canle.
Realizar fotografías, gravar e editar vídeos, entrevistas e outras pezas audiovisuais.
Redactar novas para a web e o blog, notas de prensa, boletíns, campañas de email marketing, circulares e outros materiais informativos.
Actualizar os contidos da páxina web e apoiar a mellora da súa presentación e organización.
Deseñar carteis, publicacións, presentacións, sinalización, materiais promocionais e outras pezas gráficas.
Maquetación de textos, dossieres e memorias.
Apoiar a creación e o desenvolvemento de campañas de dinamización comercial e promoción do consumo local.
Participar na cobertura e na produción de campañas, actividades e eventos, incluíndo accións puntuais en horario de tarde ou fin de semana.
Visitar empresas asociadas para realizar fotografías, vídeos, entrevistas ou recoller información.
Colaborar no deseño de produtos de merchandising, buscando ideas, tendencias, materiais, formatos e posibles provedores.
Propoñer novos enfoques, formatos e accións que axuden a mellorar a comunicación da Asociación e a visibilidade das empresas de Arteixo.
Analizar os resultados das publicacións e campañas para identificar que funciona e propoñer melloras.
Requisitos imprescindibles
Esta contratación realízase ao abeiro da axuda TR349Z – Subvención para organismos intermedios que contraten persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Por este motivo, as persoas candidatas deberán cumprir, no momento da selección e da contratación, os seguintes requisitos:
Ter entre 18 e 29 anos.
Estar en situación de desemprego e inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante non ocupada.
Figurar inscrita como beneficiaria no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Non ter traballado nin participado en accións educativas ou formativas o día natural anterior á selección e á sinatura do contrato.
Non ter sido contratada anteriormente por ningunha entidade, durante un período igual ou superior a 180 días, ao abeiro dos programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro nin dos programas de contratación de persoas mozas do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil por entidades locais ou organismos intermedios convocados en 2025 pola Xunta de Galicia.
Non se require unha titulación específica nin experiencia laboral previa.
O perfil que buscamos
Buscamos unha persoa creativa, curiosa e con sensibilidade para comunicar, capaz de transformar unha idea nun contido atractivo, claro e adaptado a diferentes públicos e formatos.
Valoraremos especialmente:
A creatividade e a capacidade para propoñer enfoques e ideas propias.
O criterio visual e o coidado da imaxe, do ton e dos detalles.
O interese pola comunicación, as redes sociais, a fotografía, o vídeo, o deseño e as novas tendencias.
Contar con referentes e saber explicar que marcas, campañas, creadoras ou estilos lle gustan e por que.
O trato educado, próximo e profesional.
A curiosidade, a iniciativa, a capacidade de aprender e a boa disposición para recibir orientación e mellorar.
A organización e a responsabilidade no cumprimento das tarefas e dos prazos.
A capacidade para traballar con tarefas e formatos diferentes dentro dun mesmo proxecto.
Ter unha boa capacidade de expresión oral e escrita en galego e castelán.
Contar co permiso de conducir B e vehículo propio.
Tamén valoraremos os coñecementos e o manexo de:
Adobe Illustrator, Adobe Photoshop e Canva.
Fotografía, gravación e edición de vídeo.
WordPress ou outros xestores de contidos.
Instagram, Facebook, LinkedIn e Meta Business Suite.
Ferramentas de email marketing.
Notion e outras ferramentas de organización e traballo colaborativo.
Métricas de redes sociais, analítica web e avaliación de campañas.
Ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á comunicación e á creación de contidos.
Estes coñecementos non teñen que acreditarse mediante experiencia laboral previa. Poderán adquirirse mediante formación, proxectos académicos, iniciativas persoais ou aprendizaxe autodidacta.
Que ofrecemos
Contrato de 9 meses a xornada completa, vinculado á axuda TR349Z da Xunta de Galicia
Retribución segundo o Convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia da Coruña, correspondente ao grupo de cotización 5.
Vontade de consolidar o posto se a evolución da entidade o permite.
Formación práctica en comunicación institucional, creación de contidos, deseño, campañas e dinamización empresarial.
Acompañamento directo e autonomía progresiva.
Un posto creativo e variado, con impacto directo na visibilidade das empresas e na promoción da economía local de Arteixo.
Integración nun equipo próximo, no que se valorarán as ideas e propostas propias desde o primeiro día.
Como presentar a candidatura
Para participar no proceso é imprescindible cubrir o formulario específico de inscrición, que atoparás ao final desta páxina, dentro do prazo establecido.
O envío do currículo por correo electrónico, a través da Bolsa de Emprego ou por calquera outra vía non substituirá a inscrición mediante este formulario.
Se tes exemplos de creacións propias, poderás incluír voluntariamente, no formulario, unha ligazón a traballos profesionais, académicos ou persoais: deseños, fotografías, vídeos, textos, redes sociais, proxectos ou calquera outro contido que consideres representativo.
Non é necesario dispoñer de experiencia profesional nin dun portfolio.
Para presentar a túa candidatura, baixa ata o final da páxina e preme no botón «Quero inscribirme».