Skip to Content

Un Paseiño no día da festa

A pasarela da 1900

Europe/Madrid
Add to calendar:

Prepárate para o Paseíño no día da festa! O sábado 18 de outubro ás 19:00 h, a rúa Cándido Varela converterase nunha pasarela de humor, tradición e alegría.

Vén vestida de época, soa, en parella ou co teu grupo, e participa neste concurso de caracterizacións que premiará a creatividade e o espírito de 1900 con vales de compra por valor de ata 400 € nas pequenas empresas de Arteixo.

As prazas son limitadas, así que busca o teu grupo, reserva o teu número e… preme o botón e inscríbete no Paseíño!

A inscripción vai ligada a aceptación das bases de participación aquí detalladas.

Bases de participación:


1. Obxectivo da actividade

Esta acción forma parte da promoción do CCA para a Feira do 1900, unha das festas máis queridas e emblemáticas de Arteixo.

O CCA Arteixo (Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo), con CIF G15700818  en colaboración co Concello de Arteixo, organiza o desfile popular “Un paseíño no día da festa”: unha pasarela chea de vida, humor e espírito de aldea que celebra a creatividade e a alegría de participar na Feira 1900.

Non se trata dun desfile formal, senón dun xogo colectivo para amosar traxes, enxeño e ilusión por compartir un momento único na rúa e coas veciñas e veciños.

2. Data, lugar e horario

O desfile celebrarase o sábado 18 de outubro de 2025, ás 19:00 h, na rúa Cándido Varela (zona Feira 1900).

As persoas participantes deberán presentarse ás 18:45 h na mesa do CCA, onde se realizará a recepción e se lles asignará o número de orde para o seu pase pola pasarela.

3. Participación

Pode participar calquera persoa, familia ou grupo de amizades que queira vivir a feira con ilusión e ganas de xogar, e necesaria a inscrición previa a través desta mesma páxina.

As persoas menores de idade poderán participar sempre que estean acompañadas dunha persoa adulta responsable.

Haberá dúas categorías de participación:

  • Individual ou parellas (ata 2 persoas).
  • Grupos (3 ou máis persoas).

4. Requisitos

É obrigatorio participar con vestimenta de época (1900).

Non se busca a perfección do traxe nin a calidade das costuras, senón creatividade, simpatía e espírito de festa.

A elegancia das costuras completarase co sorriso, o andar e a maneira de vivir este día de celebración.

5. Xurado e valoración

O desfile contará cun xurado moi especial, que valorará:

  • O enxeño e a orixinalidade das propostas.
  • A simpatía e o espírito de 1900 das participantes.
  • A actitude e a posta en escena, máis aló da confección do traxe.

Tamén contaremos cun presentador convidado, que animará a pasarela con humor e cariño, facendo deste paseo unha auténtica festa de aldea.

6. Premios

Entregarase un premio por categoría:

  • 150 € en vales de compra na categoría individual/parellas.
  • 400 € en vales de compra na categoría de grupo (mínimo 3 persoas).

Os vales poderán empregarse en calquera das pequenas empresas asociadas ao CCA Arteixo ata o 31 de decembro de 2025.

Os premios non poderán ser trocados por diñeiro.

7. Inscrición

As prazas son limitadas, polo que se recomenda inscribirse canto antes.

A inscrición deberá realizarse a través do formulario oficial dispoñible na web:

https://xestion.ccaarteixo.com

As participantes poderán facelo de forma individual, en parella ou en grupo (mínimo 3 persoas).

O día do desfile, deberán presentarse 15 minutos antes do inicio (18:45 h) na mesa do CCA para confirmar a asistencia e recoller o número de orde.

8. Protección de datos e uso de imaxes

A Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo (CCA Arteixo), como responsable do tratamento, garante que os datos persoais serán utilizados unicamente para a xestión desta actividade e para comunicar información relacionada coa Feira 1900.

Durante o evento poderán tomarse fotografías e vídeos co obxectivo de difundir a actividade nas redes sociais, medios de comunicación e materiais promocionais do CCA Arteixo e do Concello de Arteixo.

A participación no desfile implica a autorización expresa para o uso da imaxe das persoas participantes con fins divulgativos e non comerciais, de acordo coa normativa vixente (LOPDGDD e RGPD) Mais información en https://xestion.ccaarteixo.com/privacy

As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición escribindo a cca@ccaarteixo.com.

9. Aceptación das bases

A participación neste desfile implica a aceptación expresa das presentes bases.

O CCA resérvase o dereito de cancelar, modificar o horario, lugar ou condicións da actividade por causas organizativas ou de forza maior, mantendo sempre o espírito desta acción.