Un Paseiño no día da festa
A pasarela da 1900
Prepárate para o Paseíño no día da festa! O sábado 18 de outubro ás 19:00 h, a rúa Cándido Varela converterase nunha pasarela de humor, tradición e alegría.
Vén vestida de época, soa, en parella ou co teu grupo, e participa neste concurso de caracterizacións que premiará a creatividade e o espírito de 1900 con vales de compra por valor de ata 400 € nas pequenas empresas de Arteixo.
As prazas son limitadas, así que busca o teu grupo, reserva o teu número e… preme o botón e inscríbete no Paseíño!
A inscripción vai ligada a aceptación das bases de participación aquí detalladas.
Bases de participación:
1. Obxectivo da actividade
Esta acción forma parte da promoción do CCA para a Feira do 1900, unha das festas máis queridas e emblemáticas de Arteixo.
O CCA Arteixo (Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo), con CIF G15700818 en colaboración co Concello de Arteixo, organiza o desfile popular “Un paseíño no día da festa”: unha pasarela chea de vida, humor e espírito de aldea que celebra a creatividade e a alegría de participar na Feira 1900.
Non se trata dun desfile formal, senón dun xogo colectivo para amosar traxes, enxeño e ilusión por compartir un momento único na rúa e coas veciñas e veciños.
2. Data, lugar e horario
O desfile celebrarase o sábado 18 de outubro de 2025, ás 19:00 h, na rúa Cándido Varela (zona Feira 1900).
As persoas participantes deberán presentarse ás 18:45 h na mesa do CCA, onde se realizará a recepción e se lles asignará o número de orde para o seu pase pola pasarela.
3. Participación
Pode participar calquera persoa, familia ou grupo de amizades que queira vivir a feira con ilusión e ganas de xogar, e necesaria a inscrición previa a través desta mesma páxina.
As persoas menores de idade poderán participar sempre que estean acompañadas dunha persoa adulta responsable.
Haberá dúas categorías de participación:
- Individual ou parellas (ata 2 persoas).
- Grupos (3 ou máis persoas).
4. Requisitos
É obrigatorio participar con vestimenta de época (1900).
Non se busca a perfección do traxe nin a calidade das costuras, senón creatividade, simpatía e espírito de festa.
A elegancia das costuras completarase co sorriso, o andar e a maneira de vivir este día de celebración.
5. Xurado e valoración
O desfile contará cun xurado moi especial, que valorará:
- O enxeño e a orixinalidade das propostas.
- A simpatía e o espírito de 1900 das participantes.
- A actitude e a posta en escena, máis aló da confección do traxe.
Tamén contaremos cun presentador convidado, que animará a pasarela con humor e cariño, facendo deste paseo unha auténtica festa de aldea.
6. Premios
Entregarase un premio por categoría:
- 150 € en vales de compra na categoría individual/parellas.
- 400 € en vales de compra na categoría de grupo (mínimo 3 persoas).
Os vales poderán empregarse en calquera das pequenas empresas asociadas ao CCA Arteixo ata o 31 de decembro de 2025.
Os premios non poderán ser trocados por diñeiro.
7. Inscrición
As prazas son limitadas, polo que se recomenda inscribirse canto antes.
A inscrición deberá realizarse a través do formulario oficial dispoñible na web:
https://xestion.ccaarteixo.com
As participantes poderán facelo de forma individual, en parella ou en grupo (mínimo 3 persoas).
O día do desfile, deberán presentarse 15 minutos antes do inicio (18:45 h) na mesa do CCA para confirmar a asistencia e recoller o número de orde.
8. Protección de datos e uso de imaxes
A Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo (CCA Arteixo), como responsable do tratamento, garante que os datos persoais serán utilizados unicamente para a xestión desta actividade e para comunicar información relacionada coa Feira 1900.
Durante o evento poderán tomarse fotografías e vídeos co obxectivo de difundir a actividade nas redes sociais, medios de comunicación e materiais promocionais do CCA Arteixo e do Concello de Arteixo.
A participación no desfile implica a autorización expresa para o uso da imaxe das persoas participantes con fins divulgativos e non comerciais, de acordo coa normativa vixente (LOPDGDD e RGPD) Mais información en https://xestion.ccaarteixo.com/privacy
As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición escribindo a cca@ccaarteixo.com.
9. Aceptación das bases
A participación neste desfile implica a aceptación expresa das presentes bases.
O CCA resérvase o dereito de cancelar, modificar o horario, lugar ou condicións da actividade por causas organizativas ou de forza maior, mantendo sempre o espírito desta acción.