Obradoiro Cestería
Saberes de Aldea
"Obradoiro de Cestería"
Da man de Seoane Textil, mergullarémonos nun dos oficios máis antigos e fermosos da humanidade: a cestería tradicional, unha arte con máis de 40.000 anos de historia que formou parte da vida nas aldeas e da nosa identidade galega e arteixá.
Neste obradoiro recuperaremos a arte do trenzado, creando o noso propio cesto con cordóns de algodón, retais de liño reciclado e fío cosido.
Mentres aprendes a técnica, coñecerás tamén o valor cultural e simbólico desta práctica artesanal que une creatividade, paciencia e memoria.
Un espazo tranquilo e inspirador para redescubrir a beleza do feito a man, conectar coa tradición e celebrar a sostibilidade e o talento local.
- Domingo 19 de outubro ás 11:00 h
- Carpa da Praza do Balneario (Feira do 1900)
- Gratuíto presentando un ticket de compra mínimo de 10 € dun establecemento do CCA (dos últimos tres meses).
Se non se presenta ticket, o prezo será de 30 € por persoa.
As prazas son limitadas, así que reserva canto antes a túa praza e vive unha mañá de feira creando coas mans e co corazón.
E necesaria unha inscrición por cada participante.
A inscrición implica a aceptación das bases de participación aquí detalladas.
1. Obxectivo da actividade
Esta acción forma parte da promoción do CCA para a Feira do 1900, organizada polo CCA Arteixo (Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo), con CIF G15700818, en colaboración co Concello de Arteixo.
Os obradoiros “Saberes da Aldea” buscan recuperar e compartir a sabedoría popular das aldeas de antes a través de tres propostas diferentes:
- Herbas da aldea: saberes populares e remedios de sempre.
- Elaboración artesanal de manteiga.
- Cestería tradicional.
Un espazo para aprender, tocar e lembrar, como se facía nas casas e prazas das aldeas, e para vivir xuntas unha mañá de aprendizaxe, memoria e comunidade.
2. Data, lugar e horario
Os obradoiros desenvolveranse o domingo 19 de outubro de 2025, entre as 11:00 e as 13:00 horas, na carpa situada na Praza do Balneario (Feira do 1900).
Durante ese tempo impartiranse os tres obradoiros de forma simultánea, e cada participante poderá elixir o que desexe no momento de formalizar a inscrición.
3. Participación
A actividade está aberta a persoas de todas as idades.
- As menores de 12 anos deberán asistir acompañadas dunha persoa adulta responsable.
- As participantes de entre 13 e 17 anos precisarán presentar autorización asinada pola súa persoa titora legal, dispoñible para descarga nesta ligazón
- As prazas son limitadas, polo que é imprescindible inscrición previa.
- É necesaria unha inscrición por cada persoa participante.
4. Condicións de participación
A participación é gratuíta presentando un ticket de compra de, polo menos, 10 €, emitido por calquera establecemento asociado ao CCA Arteixo, cunha data dentro dos tres meses anteriores ao taller.
- Cada persoa participante deberá presentar o seu ticket físico ou dixital o día da actividade, antes de comezar o obradoiro.
- No caso de non presentar o ticket, poderá acceder aboando unha cota de 30 € por persoa no momento da actividade.
- O ticket deberá corresponder a unha única persoa participante (non se admitirá un mesmo ticket para varias inscricións).
Podes consultar o listado completo de comercios adheridos ao CCA nesta ligazón
5. Inscrición
A inscrición realizarase de maneira previa a través do formulario oficial dispoñible nesta mesma páxina web.
Unha vez confirmada a inscrición (recibirás un correo de confirmación), as persoas participantes deberán presentarse o domingo 19 de outubro ás 10:50 h na carpa da Praza do Balneario para realizar o control de asistencia e presentar o ticket de compra.
6. Protección de datos e uso de imaxes
A Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo (CCA Arteixo), como responsable do tratamento, garante que os datos persoais serán utilizados unicamente para a xestión desta actividade e para comunicar información relacionada coa Feira 1900.
Durante a realización dos obradoiros poderanse tomar fotografías e vídeos co obxectivo de difundir a actividade nas redes sociais, medios de comunicación e materiais promocionais do CCA Arteixo e do Concello de Arteixo.
A inscrición implica a autorización expresa para o uso da imaxe das persoas participantes con fins divulgativos e non comerciais, conforme á normativa vixente (LOPDGDD e RGPD).
As persoas interesadas poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición escribindo a cca@ccaarteixo.com.
7. Aceptación das bases
A participación nos obradoiros “Saberes da Aldea” implica a aceptación expresa das presentes bases.
O CCA resérvase o dereito de cancelar a actividade ou modificar o horario, a ubicación ou as condicións da actividade por causas organizativas ou de forza maior, mantendo sempre o espírito desta acción: promover o comercio local e poñer en valor a cultura e os saberes tradicionais de Arteixo.

Apoios
Esta asociación e todas as actividades que desenvolve é posible grazas ao traballo das nosas socias, ao apoio das institucións e sobre todo, grazas a ti, que cada día apostas por quedar en Arteixo, por mercar na casa, por confiar nas pequenas empresas que fan barrio, que fan comunidade, que fan futuro