Skip to Content

Aldeadas

Olimpiadas da Aldea

Europe/Madrid
Add to calendar:
Aldeadas / Olimpiadas da Aldea

As “Aldeadas” consisten nunha competición de xogos para adultos inspirados na

“vida da aldea” na primeira metade do século XX. Ainda que teñen principalmente unha

finalidade lúdica, o equipo que acumule máis puntos nas probas, obterá o título de

campeón e máis un premio.


As Aldeadas son unha competición de xogos para persoas adultas inspirados na vida das aldeas galegas da primeira metade do século XX.

Un encontro pensado para rir, xogar e compartir en equipo, onde o espírito de festa vale tanto como a habilidade.

Aínda que a finalidade é sobre todo lúdica e comunitaria, o equipo que sume máis puntos nas distintas probas obterá o título de campión ou campioas das Aldeadas e un premio especial, 500e en vales de compra!

A inscrición é moi sinxela: Preme o boton vermello de  INSCRICIÓNS e segue os pasos como se fose unha tenda en liña, completando o formulario de equipo e confirmando os datos.

Só é necesaria unha inscrición por equipo, non fai falta que cada participante se anote por separado.

Se tes calquera dúbida durante o proceso, podes contactar connosco por teléfono ou por correo electrónico —estamos preto e encantadas de axudarche.


A inscripción vai ligada a aceptación das bases de participación aquí detalladas.


Bases de participación:


1. Inscrición e formato de participación

A inscrición realizarase por equipos de entre 4 e 6 persoas, indicando o Nome do equipo, así como o nome completo e data de nacemento de cada participante.

Todo o proceso farase a través do formulario de inscrición oficial do evento.

A participación require que todas as persoas do equipo vaian vestidas de época (ano 1900), sendo este un requisito imprescindible para poder competir.

2. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición remata o domingo 12 de outubro de 2025 ás 23:59 horas.

A organización poderá ampliar este prazo, se o considera necesario, ata o propio día da competición.

3. Número máximo de equipos

A competición está limitada a un máximo de 6 equipos, que se admitirán por rigorosa orde de inscrición.

4. Idade das participantes

Todas as persoas integrantes deberán ser maiores de idade no momento da inscrición.

A organización poderá solicitar o DNI ou documento acreditativo antes do comezo da competición.

5. Participación durante a competición

Cada equipo deberá permanecer completo durante toda a actividade, e todas as súas integrantes deberán participar, como mínimo, en dúas probas.

6. Condición física e responsabilidade

As probas inclúen actividades físicas e de carácter lúdico-deportivo, polo que as persoas participantes declaran, no momento da inscrición, atoparse en condicións físicas axeitadas e participar baixo a súa propia responsabilidade.

Comprométense a actuar con prudencia e respecto, evitando calquera conduta que poida causar dano propio ou alleo.

7. Indumentaria e recomendacións

A “etiqueta” das Aldeadas require vir vestida de acordo coa moda dunha aldea galega do 1900.

É probable que algunhas probas impliquen mancharse ou mollarse, polo que se recomenda traer roupa de recambio nun saquiño ou mochila para mudar despois da competición.

8. Puntualidade

Todos os equipos deberán presentarse 15 minutos antes do inicio das probas.

A falta de puntualidade poderá implicar penalización de puntos ou incluso descalificación do equipo.

9. Probas da competición

A competición estará composta por un mínimo de 4 probas, escollidas entre as seguintes:

  • Espeta a estaca
  • Lanzamento de marco
  • Que rule o rolo
  • Sacode a castaña
  • Carreta o leite
  • Carreira de carretillos

Por razóns organizativas, a organización poderá modificar, engadir ou substituír algunha das probas previstas.

10. Desempates

En caso de empate, este resolverase coa proba adicional de “Tiro da corda”.

11. Premios

O equipo gañador recibirá un premio de 500 € en vales de compra para gastar nas pequenas empresas asociadas a Arteixo CCA.

Os vales serán válidos ata o 31 de decembro de 2025 e non poderán trocarse por diñeiro.

12. Sorteo da orde de participación

A orde de saída en cada proba determinarase mediante sorteo previo ao inicio da mesma.

13. Protección de datos e uso de imaxes

Asociación de Pequenas Empresas de Arteixo (CCA Arteixo), como responsable do tratamento, garante que os datos persoais serán utilizados unicamente para a xestión desta actividade e para comunicar información relacionada coa Feira 1900.

Durante o evento poderán tomarse fotografías e vídeos co obxectivo de difundir a actividade nas redes sociais, medios de comunicación e materiais promocionais do CCA Arteixo e do Concello de Arteixo.

A participación no desfile implica a autorización expresa para o uso da imaxe das persoas participantes con fins divulgativos e non comerciais, de acordo coa normativa vixente (LOPDGDD e RGPD) Mais información en https://xestion.ccaarteixo.com/privacy

As persoas participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición escribindo a cca@ccaarteixo.com.